Tuesday 21 de May de 2024

Fene convoca 7 prazas temporais dentro do Plan de Emprego Local da Deputación


As instancias para participar no proceso selectivo poden presentarse até o 18 de xuño
O Boletín Oficial da Provincia deste luns publica as bases para a contatación de sete persoas desempregadas durante un período de 4 meses dentro do programa de integración laboral promovido pola Deputación da Coruña. Os perfís ofertados son os de cinco peóns ou peoas e un oficial ou oficiala de albanelaría, ademais dun posto de auxiliar de biblioteca. Terán contratos temporais dun 71,42% da xornada laboral completa e o proceso selectivo farase mediante concurso de méritos. As instancias poden presentarse até o xoves 18 de xuño, ben de maneira presencial -para o que é necesario solicitar cita previa-, ou a través da sede electrónica municipal.

Para participar no proceso será necesario figurar no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandante de emprego durante os dous últimos anos e acreditalo presentando copia da tarxeta. Tamén se marcan outras condicións propias do programa financiado pola Deputación. Non será necesario cumprilas todas, pero si polo menos algunha delas, como por exemplo ter máis de 45 anos, levar en situación de desemprego dous ou máis anos, ter unha discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33%, ser muller, vivir nun fogar onde ninguén teña traballo, ser familia monoparental, non ter fogar, ter dificultade para atopar traballo por razón do idioma ou circunstancias socioculturais, ser vítima de violencia de xénero ou encontrarse nunha situación de drogodependencia.

O Concello publicou hoxe no BOP as bases aprobadas hai uns días polas que se rexerá o proceso selectivo, consistente nunha fase de concurso para valorar os méritos en canto a experiencia laboral, formación e carnés (non puntuable para o posto da biblioteca). Será necesario acreditar o coñecemento da lingua galega -Celga 1 ou equivalente para peóns e Celga 3 ou equivalente para oficial de albanelaría e auxiliar de biblioteca- ou ben superar unha pequena proba oral que non dará puntuación, senón que só cualificará como apto/non apto.

Se se desen empates a puntos, tomarase como referencia do desempate -por esta orde- un maior tempo en situación de desemprego e a maior idade da persoa aspirante.

As solicitudes, a documentación básica -DNI, tarxeta de demandante, xustificantes de situación de exclusión laboral, etc.- e toda a documentación relativa aos apartados puntuables haberá que presentalas, como moi tarde, o xoves 18 de xuño. Pode facerse a través da Sede Electrónica municipal ou ben presencialmente, para o que será obrigatorio pedir cita previa nos teléfonos 981 061 034 ou 671 508 166 (de luns a venres en horario de 8 a 15h.), no correo citaprevia@fene.gal ou a través de https//sede.fene.gal/opencms/gl/cita/. As bases e o modelo de solicitude poden descargarse desde a web fene.gal ou consultarse no BOE deste luns 8 de xuño.

As contratacións sufragaranse con cargo ao Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña, que reservou para Fene unha achega total de 52.000 euros. A área de Emprego distribuíu o importe do programa de tal maneira que permitirá contratos temporais de 4 meses para sete persoas cunha xornada laboral lixeiramente superior ao 71% dun horario normal de luns a venres. Os postos ofertados son para un oficial/a de albanelaría, cinco peoas/óns e unha persoa auxiliar de biblioteca. Os salarios brutos varían entre os 1.353,08 e os 1.383,28€ dependendo das categorías.

A concelleira de Formación e Emprego, Cristina García, sinalou que este programa de emprego “chega nun momento en que, sen dúbida, pode ser de grande axuda para a economía de familias que se encontran nunha situación difícil”. A responsable da área avanzou, ademais, que a Deputación está traballando nunha convocatoria extraordinaria do plan de contratación “específica para os efectos da Covid-19 sobre o emprego” á que Fene, segundo asegurou García, “tamén agarda poder acollerse”.

Por outra banda, a concelleira lembrou que neste momento Fene ten aberto o proceso de confección da bolsa de contratación de peóns que quedara interrompido pola declaración do Estado de Alarma. Este martes 9 de xuño é o último día para achegar as candidaturas.

Últimos días para acollerse ás liñas para empresas e persoas autónomas
No marco do Plan de Emprego Local, a Deputación da Coruña tamén ofrece liñas específicas -e moi interesantes- para pequenas e medianas empresas, microempresas e persoas autónomas. Son tres programas:
O PEL Emprende investimento, con axudas de ata 17.500 euros (sen ive) para facer investimentos en equipamento, maquinaria, mobiliario, etc. ao que poderán acollerse empresas e autónomos/as que leven un máximo de 5 anos exercendo a actividade para a que soliciten a axuda.
O PEL Pemes creación e ampliación do cadro de persoal, que subvenciona durante o primeiro ano ata un 70% dos custes de contratación de traballadores e traballadoras que se incorporen á epmpresa.
E o PEL Pemes mantemento, pensado para financiar o 50% dos custes dos contratos efectuados o ano pasado con cargo ao programa PEL Pemes creación.
As solicitudes para participar nestes programas hai que presentalas, como moi tarde, este 11 de xuño e deben tramitarse obrigatoriamente a través da plataforma SUBTeL da Deputación.